Friday 17 de May de 2024

O Concello de Neda adxudica por máis de 58.000 euros a pavimentación de Camiños en Vilar- A Lobeira


O Concello de Neda vén de adxudicar por 58.250 euros os traballos de acondicionamento de camiños en Vilar A Lobeira, na parroquia de Anca. As obras permitirán mellorar a seguridade viaria nun tramo da rede municipal de pistas, pavimentado actualmente por medio de regos asfálticos, que se atopa en malas condicións.

As obras previstas consistirán na limpeza e roza das marxes da vía, as tarefas de rebacheo dos puntos que se atopan máis deteriorados, o aglomerado en quente de 500 metros de camiño obxecto da intervención, a instalación de canaletas transversais para a recollida de augas de pluviais e a correspondente sinalización horizontal e vertical.

A firma Hordescon SL. será a encargada de acometer esta intervención, cofinanciada polo Agader, ao incluírse no Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024, e máis pola administración local. As obras previstas facilitarán o tránsito rodado, contribuíndo ademais a facer máis seguro o uso por parte dos viandantes. O Concello avanza así no seu obxectivo de pór a punto a totalidade de camiños municipais.